A POLÉMICA EN TORNO A STALIN E A IDEOLOXIA DOMINANTE COMO FREO AO DESENVOLVIMENTO DO TRABALLO INTELECTUAL HONESTO...
A HISTÓRIA NON A ESCREVEN OS VENCIDOS!
Transcurridos máis de 50 anos desde a morte de Josef Vissarionovich Dzhugashvili (Stalin) persiste o debate entre detractores e defensores. Por que razón perdura no tempo esta polémica? As razóns son óbvias, quera-se ou non, a imaxe de Stalin está estreitamente ligada á primeira experiéncia (duradeira no tempo) dun Estado socialista. Stalin foi o máximo dirixente do Partido Comunista (Bolchevique) e, xa que logo, tivo un papel decisivo na história da Unión Soviética ao longo do período 1924-1953. Así pois, a razón deste “eterno” debate ten a sua orixe na necesidade dun balanzo histórico capaz de extrair lizóns da primeira experiéncia socialista da história, así como do seu deterioro e colapso en 1991. Este debate, non só non finou senón que, poderiamos dicer, se atopa nas suas orixes.
O século XX rematou coa queda do Muro de Berlín, co colapso da Unión Soviética e, polo tanto, coa vitória temporal do capitalismo mundial. Xa que logo, o presente da polémica verbo o balanzo do socialismo soviético e a persoa de Stalin dá-se nun contexto caracterizado pola hexemonia intelectual e moral da burguesia. Por conseguinte, todas as parcelas da realidade social (clases sociais, estratos sociais, estruturas sociais, etc.), especialmente en Ocidente, centro do sistema capitalista mundial, están impregnadas por esta hexemonia. Neste marco é lóxico que a balanza entre detractores e defensores do socialismo soviético e a figura de Stalin, lonxe de estar en equilíbrio, decante-se por aqueles que o rexeitan.
Hoxe, as persoas que teñen a coraxe de defenderen o socialismo soviético e a Stalin no seu contexto histórico concreto son tratados como nostálxicos e dogmáticos, son utilizadas todo tipo de expresións ferintes, coloca-se-lles na esfera dos fieis seguidores dun ser diabólico, desapiedado, inhumano e paranoico cuxo sistema totalitário perpetrou os crimes máis atroces e bárbaros que a mente humana é quen de imaxinar. Para calquer activista social, para calquer intelectual académico, etc. sempre resultará máis cómodo seguir a corrente de pensamento dominante que arrastrar toda a vida a etiqueta de “estalinista”. Unha vez a Unión Soviética e Stalin ficaron ligados á categoria de prexuizo evita-se todo tipo de debate racional, así como calquer atitude mínimamente aberta que posibilite a busca de materiais e/ou argumentos que operen fora do pensamento dominante, asumindo-se de forma acrítica a ideoloxia dominante.
Ante esta fervenza de ideoloxia dominante, sólidamente asentada nas elites intelectuais e nas estruturas sociais e académicas do chamado primeiro mundo, fai-se difícil calquer exercício intelectual honesto en relazón á figura de Stalin e, polo tanto, na direczón de realizar un balanzo xusto da experiéncia soviética. Mália esta realidade, un número crecente de historiadores, marxistas e non marxistas, están a facer frente a este muro imposto á racionalidade e a ciéncia para desenvolver un estudo sério e rigoroso que posibilite un balanzo ecuánime da figura de Stalin e do socialismo soviético. Estes historiadores xa están sendo atacados como “revisionistas”, “tolos”, “cómplices”, etc. , mais non importa, pois xa están removendo os cimentos sobre os que se fundamente a actual historiografia soviética ocidental.
Particularmente interesantes son os traballos de historiadores non marxistas que están baseando a sua crítica, aos “historiadores” de direita e extrema direita como Conquest, sobre a base da teoria dos paradigmas (modelos) de Kuhn. Estes historiadores están cuestionando o que poderiamos denominar como ciéncia histórica normal baseada no denominado paradigma totalitário da sociedade soviética sobre a base do estudo rigoroso dos denominados enigmas e/ou anomalias de Kuhn. Entre estes traballos destaca a obra de Philip E. Panaggio Stalin e Yezhov: unha versión extra-paradigmática.
Do ponto de vista marxista, é dicer, á luz dunha conceizón materialista da história, non hai ideoloxias, debates, polémicas ou discusións á marxe dos intereses de clase. Marx, no prólogo á primeira edizón da sua obra O Capital dicia:
“En economia política, a livre investigazón científica ten que luitar con inimigos que outras ciéncias non coñecen. O carácter especial da matéria investigada ergue contra ela as paixóns máis violentas, máis mesquiñas e máis repugnantes que aniñan no peito humano: as fúrias do interés privado.”
A obra de Marx, como non podia ser doutro xeito, topaba directamente cos intereses de todas as clases. O descobrimento da plusvalia amosaba o carácter explotador do sistema capitalista, a causa estrutural da luita de clases baixo o capitalismo. Este feito non podia deixar indiferentes nen a burguesia nen ao proletariado decimonónico.
Acontece coa história exactamente o mesmo. Após a queda dos países socialistas de Europa do Leste e a Unión Soviética, a burguesia está obxectivamente interesada en evitar unha análise científica que supoña un balanzo xusto da experiéncia soviética e da figura de Stalin. Pola contra, sen este balanzo, a clase obreira, os dirixentes sociais en xeral e os comunistas en particular ficarán inermes, carecerán do acervo teórico e prático necesário para facer frente ás futuras situazóns revolucionárias do século XXI.
Destacan os traballos e obras de personalidades comprometidas coa luita polo socialismo como Mário Sousa (Mentiras acerca da história da Unión Soviética), Harpal Brar (O colapso revisionista da Unión Soviética) e Ludo Martens (Outra visión de Stalin, A contrarrevoluzón de Veludo) entre outros, que evidéncian, desde unha óptica marxista, a debilidade teórica e a parcialidade manifesta –nunha palavra, o selo de clase- do denominado modelo totalitário da sociedade soviética e do período histórico liderado por Stalin.
ALGÚNS DOS PRINCIPAIS AXIOMAS DO “PARADIGMA TOTALITÁRIO” OU ALGÚNS DOS PRINCIPAIS DOGMAS DA IDEOLOXIA DOMINANTE.
O señor Oscar Egido no seu artigo “El padrecito Stalin” (réplica ao xusto artigo de Israel Shamir en resposta a Celia Hart) honra-nos cos típicos argumentos que forman parte do modelo totalitário e que serán brevemente comentados neste artigo.
É importante, xa que logo, amosar algúns dos principais axiomas (ou dogmas) sobre os que se sustenta o modelo totalitário e parte do seu discurso:
1. As prescrizóns do deísmo apoloxético que sostén a existéncia dun Deus todopoderoso cuxa vontade determina todas e cada unha das dimensións do universo. Ademáis, neste univeros, as cousas están dispostas seguindo unha orde xerárquica piramidal, na que o cume estaria ocupado por Deus (Stalin) exercendo o poder e controlo absoluto.
Polo tanto, Stalin están no centro do paradigma dominante e, en consecuéncia, as suas facetas, defeitos e virtudes xogan un papel primordial nas xustificazóns do modelo totalitário. Polo xeral, con algunhas variantes, apresenta-se-nos a Stalin como un ser paranoico, despiadado, un auténtico xenocida sen escrúpulos, un asasino dos seus adversários políticos con grandes dotes para a manipulazón e cun grande sentido da oportunidade, etc. Estas cualidades, entre outras, serán as que posibiliten ao revolucionário xeorxiano unha hipotética autoproclamazón na Secretaria Xeral do Partido en 1923.
A “chegada ao poder” de Stalin explica-se pola sua capacidade de explotar as debilidades de carácter de outros bolqueviques e os desencontros persoais, animadversións, entre “camaradas”, pola sua capacidade para illar e eliminar paulatinamente a todos os seus adversários políticos, en especial ao “lexítimo herdeiro” Trotsky. Este feito deu-se, naturalmente, contra a vontade de Lenin, quen via en Trotsky –bolchevique de toda a vida!- o seu lexítimo herdeiro. Polo tanto, o ano 1923 marca a fin das esperanzas dunha construzón socialista na Unión Soviética.
2. Partindo do ponto anterior, pede-se ao modelo que explique a “perpetuazón no poder e longo liderazgo” de Stalin.
Este ponto explica-se através do recurso ao terror de forma sistemática e masiva por parte de Stalin e a sua “camarilla burocrática” (Molotov, Sverdlov, Malenkov, etc.). Asemade, un Partido omnipresente desplegará os propósitos de Stalin desenvolvendo os seus planos económicos e sociais “estalinistas” tais como a industrializazón e a colectivizazón forzosa. O Partido burocratizado até o miolo tamén será un órgao destinado ao controlo social.
Nesta liña, a “banda criminal de Stalin” –expresión de Trotsky- recurrira a todos os meios represivos tais como o NKVD (policia de seguridade interna e servizo de intelixéncia) para desenvolver as purgas e depurazóns, estabelecerá a versión soviética dos campos de concentrazón nazis (os famosos gulags), realizarán-se deportazóns masivas que terán como principais vítimas as nacionalidades e étnias minoritárias, etc. As purgas terán o seu ponto quente no período 1936-38, denominado “Gran Terror”.
3. Outro dos pontos cruciais para o “paradigma totalitário” é a eliminazón da “vella garda bolchevique”.
Este ponto dá solidez ao argumento segundo o cal a direczón do Partido perde o seu carácter revolucionário como consecuéncia lóxica da desaparizón física da “vella garda”. Así chegamos a conclusión final de que a antiga direczón revolucionária ficou substituida por unha “burocrácia estalinista” con intereses próprios alleos á clase obreira e a edificazón do socialismo.
ALGÚNS DOS “APÓSTOLOS” DO “CREDO”
Desde o estabelecimento do poder dos sóviets até os nosos dias, o corpo teórico deste paradigma, ou modelo totalitátio, viu-se nutrido cos aportes de determinados personaxes. Estes personaxes tamén xogaron un papel considerável á hora da difusión do paradigma ou modelo. Considero, xa que logo, que é necesário citar algúns deles, ainda que só sexan os máis relevantes, e escudriñar brevemente na sua história:
1. Leon Trotsky, decidido inimigo de Lenin até 1914. En 1904, dicia de Lenin que era un “escisionista fanático”, un “revolucionário demócrata-burgués”, un “fetichista da organizazón” partidário dun “rexime cuartelário”, un “ditador querendo substituir ao Comité Central”, un “ditador querendo instaurar a ditadura sobre o proletariado” para quen “toda intromisión de elementos que pensaban doutro xeito era un fenómeno patolóxico”. Todos estes impropérios serán repetidos pouco tempos despois contra Stalin. En 1913 escreveu “o leninismo descansa por completo, neses momentos, na mentira e a falsificazón, e leva no seu seo o elemento envenenado da sua própria desintegrazón” (E.H. Carr, La Revolución bolchevique (1917-1923), Tomo I, Alianza Universidad).
O biógrafo do presidente estadounidense Woodrow Wilson, J.C. Wise, escreveu: “Os historiadores nunca deven esquecer que Woodrow Wilson fixo todo o posível para que León Trotsky entrara en Rúsia con pasaporte americano”. Trotsky, durante o derrubo da autarquia tzarista en fevereiro-marzo de 1917, atopando-se en Nova York, optou por se dirixir a Rúsia e foi detido polas autoridades de Canadá, as cais permitiron que contiua-se a viaxe após... a mediazón do governo británico!
Trotsky non pertenceu ao Partido Bolchevique até xullo de 1917, é dicer, só dous meses antes da Revoluzón Socialista de Outubro. En decembro de 1917 opon-se á Paz de Brest-Litovsk que fixo posível consolidar o Poder Soviético e preparar a guerra contra a reaczón branca apoiada pola intervenzón dos catorce Estados da Entente que gañaran a Primeira Guerra Mundial.
No período 1924-26, dá-se o grande debate sobre a posibilidade ou non de construir o socialismo nun só país. Trotsky, como antes de Outubro de 1917, volve teorizar verbo do carácter reacionário e atrasado dos campesiños, nega a alianza entre a clase obreira e a campesiñada meia e pobre defendida por Lenin. Trotsky declara que o poder soviético se verá irremediávelmente afogado polos campesiños e, nunha liña claramente derrotista, afirma que a construzón socialista nun país terrívelmente atrasado como Rúsia era imposível. Trotsky volve á sua teoria da Revoluzón Permanente e proclama a tese metafísica da “exportazón” da Revoluzón. Unha vez descartadas as suas teorias políticas pola maioria do Partido pasa ao ataque persoal contra Stalin e a prática da conspirazón anti-soviética. No seu livro intitulado “Stalin”, Trotsky, con tintes claramente racistas, escrevia:
“O difunto Leónidas Krassin, vello revolucionário, eminente enxeñeiro, brillante diplomático do Soviet e, sobretodo, criatura intelixente, foi quen primeiro chamou a Stalin “asiático”. Ao dicer isto non pensaba en atributos raciais problemáticos, senón máis ben nesa soma de entereza, sagacidade, astúcia e crueldade que se considera característica dos homes de Estado de Ásia”
León Trotsky, Stalin,
En 1929 Trotsky exilia-se da Unión Soviética para ser adorado até a saciedade por todas as elites ocidentais. Churchill vento a potencialidade deste “grande bolchevique” escreveria en Grandes Contemporáneos (1937): “Trotsky esforza-se por reunir a todo o hampa de Europa para derrocar ao Exército ruso”.
Ao longo dos anos 30 –como indica Churchill- Trotsky volve-se un anti-comunista decidido, desenvolve a sua teoria sui generis a proba de imbéciles do Termidor Soviético, en claro paralelismo co Termidor da Revoluzón Francesa iniciado en 1793. Desenvolve as suas teorias do “burocratismo soviético”, do “Estado obreiro dexenerado”, da “imposibilidade da restaurazón capitalistas”!, da “Revoluzón anti-burocrática”, etc.
“Só verdadeiros parvos son quen de pensar que proposizóns capitalistas, tais como a propriedade privada dos meios de produczón, ou da terra, poden restabelecer-se dun xeito pacífico na Unión Soviética, e que desemboquen nun rexime democrático-burgués. De feito, o capitalismo só se pode restabelecer en Rúsia através dun violento golpe de Estado contra-revolucionário, que esixiria dez veces máis de vítimas que a Revoluzón de Outubro e a guerra civil”. (Trotsky, O aparello policial do estalinismo, Ed. 10-18, París).
Pensemos as palavras do “profeta desarmado” a dia de hoxe, cando hai máis de dez anos do derrubo do Muro de Berlín e do colapso da Unión Soviética... Só verdadeiros parvos?
A fins de setembro de 1938 asina-se o Tratado de Munich. Franza e Gran Bretaña aceden á invasión de Checoslováquia por parte de Hitler a cámbio dun Pacto de non agresión. Este Pacto, a diferenza do Pacto Molotov-Ribbentrop de 1939, sempre é esquecido por todos os reaccionários de diversa índole. Franza e Gran Bretaña empurraban a Hitler á guerra contra a Unión Soviética. Neste contexto, Trotsky fai suas as campañas iniciadas pola GESTAPO que preparaban o terreno para a agresión nazi. Por estas datas, Trotsky chama ao levantamento dos soviéticos contra a direczón bolchevique do Partido (direczón “estalinista”, dicia el) e difunde, xunto con Radek e outos, a teoria de que o poder soviético non duraria duas semanas frente a maquinária de guerra nazi.
“Só un levantamento do proletariado Soviético contra a tirania vergoñenta dos novos parásitos pode salvar o que fica nas bases da sociedade das conquistas de outrubro” (Ibid).
2. William Randolph Hearts, coñecido multimillonário norteamericano, proprietário dun grande número de xornais e rádios nos EE.UU., axudou aos nazis na guerra psicolóxica contra a Unión Soviética.
William Hearts, ultradireitista convencido, chegou a Alemaña en 1934, onde foi recebido persoalmente por Adolf Hitler. Tras esta viaxe, os xornais do magnate, con máis de 40 millóns de leitores en EE.UU., comezaron unha campaña propagandística reacionária contra a Unión Soviética e especialmente contra Stalin. Os meios de comunicazón de Hearts deron cobertura aos propagandistas nazis nos EE.UU. Entre outras mentiras, Hearts, utilizando as invenzóns subministradas pola GESTAPO, fixo difusión da famosa mentira que sinala que na Ucránia morreron máis de 6 millóns de persoas como consecuéncia da colectivizazón bolchevique . Esta campaña iniciada polos nazis, respostaba a elucubrazóns de Hitler escritas no Mein Kampf. O Fürher falaba no seu livro dunha Grande Alemaña, étnicamente pura, que se extende-se até territórios soviéticos. Ucránia, habitada por seres inferiores (eslavos, comunistas, etc.) devia ser o trigal da Alemaña nazi. Con esta campaña propagandísitca, Goebbels preparaba o terreno para a agresión á Unión Soviética.
O nazi William Randolph finou en 1951 na sua casa de Beverley Hills, Califórnia, deixando unha corporazón ao seu nome que a dia de hoxe conta con máis de cen compañias e 15 mil empregados. Xornais, revistas, rádios, televisións e axéncias de imprensa que seguen difundindo “verdades” verbo do comunismo.
3. Robert Conquest, anti-comunista visceral, ex-axente británico, profesor nun despacho de Harvard que depende directamente do Pentágono e asesor eleitoral en várias candidaturas presidenciais do finado (e non por iso menos fascista) Ronald Reagan.
Robert Conquest é, decididamente, o criador de gran parte dos mitos e mentiras sobre a Unión Soviética e Stalin. Conquest atribue millóns de mortes ao comunismo soviético. No seu livro O gran Terror (1969) sintetizou a meirande parte dos argumentos que conforman o paradigma totalitário.
A metodoloxia de Conquest caracterizou-se –como el mesmo explica- por elaborar as estatísticas referentes ás barbaridades “estalinistas” contando comu única “fonte” con personaxes que fuxiron da Unión Soviética após a Segunda Guerra Mundial polo seu apóio decidido aos crimes nazis en território soviético, así como con materiais proporcionados por Khurschov na sua famosa pre-glasnost.
Ademais, Conquest escreveu livros cuxos títulos falan por si próprios do seu nível intelectual: Que facer cando veñan os rusos? Manual de supervivéncia, escrito, curiosamente, en 1984.
4. George Orwell, informador do governo británico á caza do inimigo comunista. Orwell delatou aos servizos de intelixéncia británicos a un grande número de comunistas e progresistas, apontou unha lista de 130 nomes entre os que estaban personalidades británicas tan famosas como o actor Charlie Chaplin e o dramaturgo George Bernard Shaw. Tamén figuraban na lista maldita John Steinbeck e Orson Welles.
O modelo totalitário, igualmente, apóia-se en criazóns literárias contidas en livros como Rebelión na granxa e 1984, de George Orwell. Estas obras, desde princípios dos anos 60, servirán a muitos académicos e intelectuais ocidentais como modelo de paradigma totalitário: o grande irmán (Stalin), a policia do pensamento (NKVD), dobrepensamento (distorsións da verdade polos “estalinistas”), buracos na história (manipulazóns fotográficas e modificazón dos livros na sociedade soviética), unha sociedade de nulos mentais con cerebro lavado, estrutura piramidal en cuxo cume está o poder omnímodo, etc. É unha
realidade que lonxe de construir o modelo totalitário sobre a base da realidade soviética, os intelectuais e académicos operaron á inversa, é dicer, utilizaron o modelo orwelliano para “entender” e “explicar” a sociedade soviética que eles querian que existise realmente.
Asemade, a fantasia de outros autores como Soljenitsyn, recoñecido admirador do ditador Franco e autor de Arquipélago gulag e Un dia na vida de Iván Ivanovich entre outros livros, ou Medvedev, coñecido opositor ruso que hoxe se reclama admirador fanático do mafioso Putín, contribuiron a desplegar outras dimensións necesárias para a solidez do modelo totalitário.
CRÍTICA AO MODELO TOTALITÁRIO DE MARXISTAS E NON MARXISTAS
Os paradigmas sustentados en princípios deístas non son aceitados como científicos se ben se recoñece que son amplamente utilizados por todo tipo de seitas coa finalidade de captar público. Esta captazón de público é doada como consecuéncia da identidade entre princípios deístas e valores ético-morais xudeocristiáns. Este feito explica en grande medida os grandes níveis de aceitazón de que goza o modelo totalitário sobre a sociedade soviética en Ocidente.
O modelo totalitário ten os seus principais axiomas xustamente naqueles pontos que implican grandes enigmas e/ou anomalias. Esta febleza é superada sobre a base das omisións premeditadas e descontextualizadas, de invenzóns e terxiversazóns históricas, da introduczón de matices de distorsión, da parcialidade manifesta na toma en conta de testemuñas, da esaxerazón das cifras, etc. Toda esta “ciéncia” realiza-se conforme á adecuazón ao paradigma, coa finalidade de dar-lle solidez ainque cando se descoñecia totalmente a realidade soviética en Ocidente. Esta ignoráncia do que acontecia na Unión Soviética é un feito omitido permanentemente. Hoxe sabemos, por exemplo, que a única fonte de informazón real coa que contaba a CIA no período 1946-54 era o nazi Reinhard Gehlen, reciclado como chefe da Bundesnachrichtendienst (BND) (servizo secreto da Alemaña Federal) por Allan Dulles. Tras o desmantelamento da Unión Soviética os historiadores anti-comunistas do mundo enteiro correron á busca e captura dos arquivos secretos da KGB, agardaban corroborar as suas teorias apriorísticas repletas co sangue de millóns de mortos, presos nos gulags, vítimas das deportazóns masivas, etc.
Os estudos recentes, á luz dos materiais desclasificados, indican en relazón aos principais axiomas do modelo totalitário que:
1. Os historiadores anti-comunistas non teñen en conta os materiais que cuestionan o seu modelo. Por exemplo, nunca se cita a evidéncia –segundo os documentos desclasificados- dun Lenin que, nos derradeiros meses de vida, estreitou a sua relazón con Stalin a quen foi delegando-lle paulatinamente as suas tarefas con absoluta normalidade. Tampouco se explica o feito de que a muller de Lenin, Krupskaya –instigadora da famosa polémica con Stalin que levou a un Lenin gravemente enfermo a escrever o famoso “Testamento”- ocupara ao longo de toda a sua vida a direczón dun ministério soviético.
É curioso ver como se esquecen, verbo da pretendida autoproclamazón de Stalin, perguntas sinxelas como: Quen escolleu a Stalin para a Secretaria Xeral en 1923? Non lle correspondia esta funzón ao Comité Central do Partido Bolchevique? Se o Comité Central do Partido en 1923 estaba conformado polos bolcheviques de toda a vida (agás raras excepzóns como Trotsky) como é que optaron por Stalin? Estas perguntas óbvias son substituidas pola explicazon citada máis arriba, é dicer, por unha ilustrazón máis própria de programas televisivos de “imprensa rosa” que dunha investigazón histórica séria.
No tocante ás capacidades e rasgos da personalidade de Stalin, o modelo hexemónico basea-se nunha parcialidade manifesta á hora de seleccionar as testemuñas que viveron xunto a Stalin. Por exemplo, os defensores do modelo dominante sempre toman como certas as afirmazóns de Khruschov mais, pola contra, descartan en todo momento as afirmazóns escritas nas memórias de personalidades como Molotov, Zhukov, etc. Incluso evitan os testumuños de persoas nada suspeitosas de afinidade política co xeorxiano –como o Ministro de Asustons Exteriores británico Anthony Eton- que se viron surprendidos polas suas dotes intelectuais e habilidades como negociador no decurso dos encontros dados durante a Segunda Guerra Mundial con Churchill e Roosevelt.
Afirmazóns deste estilo non interesan aos historiadores “carentes de prexuizos”:
“Stalin non era un home ante o que non se pudera expor cuestións agudas e con quen non se pudera discutir ou incluso manter firmemente o ponto de vista próprio. Se alguen afirma o contrário diria francamente que as suas afirmazóns non son certas. Adiantando-me quero dicer que durante a guerra tiven que obxectar con crudeza contra as indicazóns de Stalin sobre a estratéxia das operazóns e o problema da defensa do país no seu conxunto e, a miudo, foron aceitadas a miñas razóns.” (Gueorgui Zhukov, Memorias y reflexiones. Tomo I. Ed. Progreso, Moscova, 1990)
2. A descontextualizazón xeral da realidade concreta á que tivo que facer frente o poder soviético desde as suas orixes é esquecida reiteradamente no modelo totalitário. O socialismo soviético, desde o seu comezo, tivo que facer frente a grandes dificuldades: luitar contra a reaczón interna e externa, remontar o desastre económico após a guerra civil apoiada na intervenzón estranxeira (1918-22), o Estado soviético tivo que defender-se de todo tipo de conspirazóns ocidentais, etc.
Do ponto de vista marxista, resalta especialmente que o modelo totalitário evite en todo momento amosar a complexidade da luita de clases nas suas dimensións nacionais e internacionais. Así os historiadores que escreven a história da Unión Soviética desde a óptica dominante non entran, por exemplo, na funzón social que, nas décadas dos anos 20 e 30, exerceron os reaccionários de toda índole para acabar co Estado soviético. Pola contra, amostra-se-nos unha violéncia exercida nunha única direczón e sentido, a do Partido, a “burocrácia estalinista” e o mesmo xeorxiano contra unha masa amorfa de persoas “inocentes”.
Os recentes estudos amosan claramente que, tras a derrota do Exército Branco apoiado polas poténcias da Entente (Estados Unidos, Gran Bretaña, Franza, Xapón, etc.), os elementos reaccionários pertencentes ás antigas clases sociais, os trepas sen escrúpulos que odiaban a morte o bolchevismo, etc. renunciaron a ver a fin imediata do poder soviético mais, non por iso desisitiron de infiltrar-se no Partido e nas instituzóns soviéticas coa finalidade de boicoteá-las e desprestixiá-las frente ao povo soviético.
Por exemplo, a sabotaxe económica foi unha prática permanente destes elementos que estaba terrívelmente mal vista pola imensa maioria da povoazón. A mesma NKVD (lonxe de ter unhas funzóns de represión política como indica o modelo totalitário) tivo as suas orixes na necesidade de reprimir os abusos contra os obreiros, así como as sabotaxes económicas cometidas por alguns directores de empresas e dirixentes chegados da antiga burguesia e o exército branco. A própria direczón da NKVD sempre estivo nas mans de recoñecidos stajanovistas que se destacaron polo seu heroismo no traballo e que eran especialmente sensíveis ás denúncias emitidas polos obreiros contra estes directores e xerentes reacionários. Isto é difícil de imaxinar para os historiadores ocidentais que viven unha realidade marcada pola precariedade laboral, o despostismo de encarregados e o terrorismo empresarial. A direczón bolchevique, consciente destes fenómenos de arbitrariedade e sabotaxe, emprendia con decisión e através da mobilizazón das bases e a NKVD a luita contra estes elementos oportunistas no seo do Partido, as intituzóns e empresas do Estado socialista. Á luz dos documentos desclasificados e de recentes estudos estatísticos, en contra do que afirma o paradigma dominante, a represión, lonxe de se centrar nunha masa “inocente” e na “vella garda bolchevique”, na meirande parte dos casos, tivo como principais vítimas a estes inimigos irreconciliávei do socialismo nacente. Mália isto, os elementos procapitalistas que estaban infiltrados denunciaron en muitos casos a auténticos comunistas como traidores. Este labor conlevaba unha grande dificuldade; os erros, os extremismos (como no caso Yezhov) foron inevitáveis.
O desenvolvimento da luita de clases no campo tamén foi tratado polo paradigma dominante por exemplo no livro de Conquest A colleita da dor (1986). Segundo este livro a colectivizazón forzada fixo que morreran por mor da fame en Ucránia 15 millóns de persoas.
As medidas do primeiro governo bolchevique o 25 de outubro de 1917 referentes ao campo foron nacionalizar toda a terra e repartí-las entre os campesiños en forma de usufruto (o campesiño dispuña livremente da terra que era propriedade do Estado socialista. Isto fixo posível que, naquela situazón concreta de ruina total após a guerra civil, se reativara unha produzón e un comércio mínimos para satisfacer as necesidades básicas alimentícias das cidades e do 80% da povoazón rusa: a campesiñada pobre e meia. Nunha primeira etapa predominaron as relazóns sociais de produzóns capitalistas no campo que, comparado co feudalismo que reinaba até entón, foi un feito positivo que colocou aos labregos xunto co proletariado e que axudou a reativar unha economia completamente destrozada. A fins dos anos 20, o governo bolchevique decide orientar aos campesiños meios e pobres –através da persuasión e o estímulo económico e social- cara ao traballo en cooperazón, cara a colectivizazón progresiva. Esta política chocou coa resisténcia feroz dos kulaks (terratenentes), que comezaron a queima de colleitas, a retenzón do trigo para vendé-lo a un prezo máis caro, a intoxicazón dos animais das granxas colectivas, a sabotaxe dos tractores das cooperativas, etc. Isto implicaba unha situazón grave na medida que os kulaks controlaban o 80% do comércio de trigo e, polo tanto, tiñan un elemento de chantaxe chave que podia asfixiar o poder soviético e a industrializazón iniciada no I Plan Quinquenal (1929). De xeito espontáneo os campesiños pobres e meios sublevaron-se contra os kulaks deixando livre o seu ódio secular. O Partido, que era moi feble no campo, non pudo evitar certas arbitrariedades e colectivizazóns forzadas. O Partido, lonxe de ser un ente presente en todos os recunchos da sociedade soviética, como nos quer fazer ver o modelo totalitário, case non contaba con influéncia en amplas zonas rurais do xigantesco território soviético. A luita de clases no campos agudizaba-se terrívelmente e o Partido tivo que enviar máis de 25.000 comunistas voluntários ao campo para dirixir a colectivizazon de maneira ordenada e anti-burocrática. Muitos comunistas foron asasinados polos kulaks, os seus testaferros e , incluso, por campesiños pobres radicalizados.
Esta enorme complexidade da luita de clases e dos procesos económicos e socias que viveu a sociedade soviética duranto os anos 20 e 30 contradí as conceizóns simplistas e reducionistas do paradigma dominante. As visións encadradas nas ideas dominantes descreven-nos unha sociedade homoxénea e estática, dominada por un totalitarismo cuxo centro é un Partido omnipresente que, controlado por un depravado, encarna os intereses da nova “burocrácia estalinista” contra as masas.
3. Do mesmo xeito, coa intenzón de dar solidez ao argumento paranoide, ou á chamada “espionite” de Stalin, omiten-se deliberadamente as conspirazóns ocidentais permanentes para destruir o governo bolchevique, así como as conspirazóns internas en clara corrdenazón cos governos ocidentais. Por exemplo, un caso de omisión descarada é o trato dado á famosa “Conspirazón dos Embaixadores” (ou “Conspirazón Lockart”) matinada por Churchille Really co axente británico en terreno soviético Lockart. Esta conspirazón acabou co asasinato do bolchevique Uritsky e co atentado a Lenin. O governo bolchevique, primeiro con Lenin e despois con Stalin, tivo que enfrentar-se de xeito permanente a este tipo de conspirazóns. Esta parte da história non interesa aos historiadores defensores do modelo totalitário.
4. Toda a mitoloxia referente á cuestión dos gulags, acrónimo en ruso de “Central Administrativa dos Campos de Traballo Correccionais”, as deportazóns e xenocídios masivos das minorias étnicas e nacionais será difundida por historiadores do estilo de Conquest, Soljenitsyn e outros. Toda esta mitoloxia –como digo- contará cunha grande publicidade nos meios de comunicazón ocidentais.
Hoxe, recentes estudos realizados á luz dos documentos de desclasificou Gorbachov amosan que a natureza real dos gulags e as deportazóns foron completamente distorsionadas para encaixá-las ao modelo orweliano, que as cifras de vítimas foron infladas de forma inusitada para xustificar o dogma do terror masivo e indiscriminado necesário ao modelo. Estes traballos deixan claro que, mui contrariamente ao que se pode pensar a dia de hoxe, o povo soviético consideraba que as autoridades do Estado socialista eran excesivamente benévolas. Esta atitudo intransixente do povo soviético tiña a sua razón de ser nos grandes esforzos feitos para reconstruir o país (após das duas Guerras Mundiais) e para derrotar á maquinária de guerra nazi. Era lóxico, xa que logo, que os soviéticos odiaran de forma particularmente aguda as tentativas (mui comúns nos anos 20 e 30) de sabotaxe económica, así como as colaborazóns ou deserzóns do Exército Vermello para se pasar ás filas do nazismo.
Os traballos actuais de historiadores nada suspeitosos de “estalinistas” ou comunistas, como os rusos Zemskov, Dougin e Xlevnjuk, ou o estadounidense J. Arch Getty, demostran que a cifra de prisioneiros nos gulags, lonxe de chegar ao extremo manexado polos defensores do pensamento dominante, nen sequer superaba o 2,8 da povaozón reclusa nos Estados Unidos a dia de hoxe. Asemade, os documentos desclasificados revelan que nada ten a ver coa realidade as teorias que indican que os presidiários do gulag eran “presos políticos” ou “disidentes”, senón que eran homicidas, ladróns, violadores, saboteadores económicos, etc. que –seguindo o preceito socialista de “quen non traballa non come”- devian traballar unha meia de sete horas diárias.
Para os que non se cuestionan a história e asumen as “grandes verdades” que resultan máis cómodas de defender en público por estaren de moda, pasan inadvertidos novos estudos fundamentais estatísticamente como a xenial obra Chechénia Vs Rúsia: O caos como tecnoloxia da contrarrevoluzón do historiador e analista político, residente durante máis de dez anos en Rúsia, António Fernández Ortiz.
Este livro –editado por El Viejo Topo- explica detalladamente como o imperialismo utilizou (e segue a facé-lo) as contradizóns étnicas no Cáucaso Norte como instrumento para xerar o caos e a inestabilidade social e política na Unión Soviética. O autor do livro, despois de facer un estudo dos censos povoacionais e das características das diferentes étnias e nacionalidades no que fora a Unión Soviética en tempos de Stalin, desminte os principais mitos relativos ás deportazóns, así como as visións que tentan amosar ao que fora o país dos soviet como un cárcer de nacionalidades.
Cando o autor de Chechénia Vs. Rúsia descreve os principais instrumentos que utilizou o imperialismo para xerar o caos social na Unión Soviética cita en primeiro lugar –casualidade?- a manipulazón histórica! e seguidamente, a criminalizazón da sociedade, a guerra, o terrorismo e a manipulazón informativa dos meios de comunicazón. Antonio Fernández Ortiz cita como exemplo típico de manipulazón histórica a metamorfose operada na conciéncia colectiva do povo checheno que pasou de asumir que foi un povo trasladado a Kazajstán e Kirguizia polos seus delictos durante a Segunda Guerra Mundial –colaborazón cos nazis durante a invasión do território soviético- a que eles foran un povo represaliado polo “estalinismo” por motivos étnicos e relixiosos.
TENDÉNCIA HISTÓRICA XERAL QUE INDICA A DEBILIDADE DO PARADIGMA OU PENSAMENTO DOMINANTE.
Alzando a perspeitiva da análise histórica, facendo unha panorámica, tamén é posível valorar a história da Unión Soviética. Este exercício pode axudar a ver en que medida o paradigma totalitário adoece ou non de coeréncia.
Son feitos históricos obxectivos, difícilmente negáveis, que a Unión Soviética, durante o período 1924-56, pasou do arado de madeira á mecanizazón do campo e a conquista do espazo, que se erradicou o analfabetismo chegando a ter a porcentaxe per cápita de enxeñeiros e científicos máis alta do mundo, que a esperanza de vida do povo soviético se duplicou! e que, ademais, se contaba cun sistema igualitário que satisfacia con creces as necesidades materiais, sanitárias e culturais básicas da povoazón.
Na orde dos procesos históricos, após a primeira vaga revolucionária marcada polo trunfo da Revoluzón de Outubro de 1917 e a derrota da Revoluzón Alemana de 1919, o novo Movimento Comunista Internacional orientou-se na sua proxeczón internacional, na defensa do socialismo nacente na Unión Soviética e, tras o VII Congreso da III Internacional, na estratéxia das Frentes Populares para frear o ascenso vertixinoso do fascismo iniciado coa chegada ao poder de Mussolini (1923) e Hitler (1933). En plena Segunda Guerra Mundial, a capitulazón da Wehrmacht (Exército Alemán) en Stalingrado (1943) marcaria o início da derrota do nazismo polo Exército Vermello e a xénese dunha segunda vaga revolucionária mundial que levaria o socialismo aos países do lesde de Europa, a China e a Corea do Norte. O socialismo pasaba dun só país a un conxunto de países, conformaba-se por vez primeira na história un campo socialista. Paralelamente, os países do Terceiro Mundo desprendian-se paulatinamente do xugo colonial imposto polas metrópoles capitalistas. É un feito obxectivo, polo tanto, que a Revoluzón e os procesos de liberazón nacional anti-coloniais, ao longo do período 1924-56, seguiron unha curva ascendente.
Esta breve visión panorámica indica-nos o degrau de incoeréncia entre o acontecido e un modelo totalitário que nos amosa un “rexime totalitário” soviético pechado en si mesmo, que case non fixo nada polo seu povo, que pouco ou nada tivo a ver coa derrota do fascismo e que freou invariávelmente o avanzo da Revoluzón Mundial e a liberazón das masas oprimidas do Terceiro Mundo.
O MODELO ORWELLIANO APLICADO A CUBA SOCIALISTA
Despois da Segunda Guerra Mundial e durante a primeira metade da década dos anos 50 o prestíxio da Unión Soviética era tan alto que o anti-comunismo dos grupos trotskistas ou anarquistas carecia de calquer tipo de arraigo social entre a clase obreira e os sectores populares. É apartir dos anos 60, como consecuéncia da pre-glasnost khurchoviana, que toda esa maré de anti-comunismo disfarzado de anti-estalinismo –como mui ben indica Israel Shamir- vai atopar terreno de cultivo entre uns Partidos Comunistas mui fortes en Ocidente e, polo tanto, entre a clase obreira e os sectores populares destes estados.
Este mesmo modelo totalitário ataca hoxe a Cuba socialista, minando todos os dias o apóio á Revoluzón Cubana de amplos sectores intelectuais mundiais e de grande parte dos movimentos populares emerxentes após a fin do Muro de Berlín.
O Comandante Fidel Castro é situado no cume da pirámide de poder dun Estado que Ocidente non cansa de repetir que é un resíduo “estalinista” ou un “rexime ditatorial”. Fidel Castro é apresentado como un vello tolo e tranoitado comunista, como un ditador que mantéen ao povo de Cuba baixo o látego dunha tirania autoritária e criminal. Os rasgos persoais de Fidel –segundo Norberto Fuentes, recentemente exilado- son os dun “grande conspirador” e “encantador de serpes”.
Asemade, a Revoluzón Cubana –continuando con fio do modelo totalitário orweliano- tamén aplica á realidade da illa doses de terror que manteñen a Fidel Castro e a “burocrácia castrista” no poder. Cuba non está exenta de depurazóns e fusilamentos inxustificados (caso de Arnaldo Ochoa, os tres mercenários das lanchas, etc.), o estabelecimento de gulags con pretendidos “xornalistas disidentes” (como Raúl Ribero e compaña), etc. Cuba, segundo voceiros residentes en Miami- é un cárcere do que fuxen os cubanos en balsa, desertan da tirania para chegaren ao “mundo livre”. O vicepresidente do Comité de Relazóns Exteriores no Senado republicando, Chris Smith, afirmaba na Comisión de Direitos Humanos en Xenebra:
“Sabemos que é un feito que hai centos de prisioneiros políticos que están sendo torturados agora nos gulags de Cuba”, “sabemos que non hai liberdade de imprensa, de culto, nen de asosiazón” (El Nuevo Herald, 10 de abril de 2004)
Deveria cando menos facer-nos reflexionar que o “doutor” Luis Aguilar León –cubanoamericano residente en Miami e accionista de Bacardí- descreva a sociedade cubana en termos mui semellantes aos citados polo señor Óscar Egido para o caso soviético:
“Nunha sociedade totalitária, como a que existe hoxe en Cuba, onde o finxir é necesário e salvador, a presión do aparello oficial fomenta a criazón de “exilados internos” para sobreviver. Mais, e isto é importante, resulta que tamén os ditadores totalitários, para quen non existen os termos meios, afunden-se nun parecido refúxio e tenta pechar o paso da realidade” (Luis Aguilar León, El exilio de Castro.)
En todo momento, a aplicazón do modelo totalitário a Cuba –igual que no caso soviético- omite, por parte dos meios de comunicazón ocidentais, as terríveis dificuldades contra as que o socialismo cubano deve sobrepoñer-se desde hai máis de cuarenta anos e mui especialmente desde que comezara o período especial. Os atentados terroristas organizados en Miami, as sabotaxes económicas como a disposizón de bombas en hoteis da illa e nos avións de Cubana de Aviazón, a intoxicazón do gado, etc. non teñen cobertura mediática algunha nas axéncias de inprensa capitalistas. A Revoluzón Cubana tamén tivo que facer frente a numerosas consipirazóns (do estilo Lockart) e planos imperialistas que tiñan como obxectivo restaurar a “liberdade” en Cuba ou denigrar a imaxe do governo revolucionário frente ao seu povo. Entre estes planos atopan-se máis de 600 intentos de asasinado de Fidel Castro, a invasión armada en Praia Girón, a Operazón Peter Pan, bloqueo económico, financeiro e comercial, leis de axuste cubano, etc.
Os máis ousados na aplicazón do modelo orwelliano a Cuba tamén afirman que a Revoluzón Cubana ten o seu próprio Trotsky, Ernesto Che Guevara, quen marchou da illa polas suas discrepáncias con Fidel Castro, para continuar a Revoluzón Permanente en América Latina. Neste ponto, os máis fundamentalistas aseguran que o guerrilleiro arxentino-cubano foi asasinado por “axentes de Castro”.
UNHA REFLEXIÓN FINAL FORA DO MODELO TOTALITÁRIO
Gostaria rematar este artigo lembrando unha breve reflexión extra-paradigmática dun heroe da Revoluzón Cubana, Ernesto Che Guevara:
“Nos chamados erros de Stalin está a diferéncia entre unha atitude revolucionária e unha atitude revisionista. Deve-se ver a Stalin no contexto histórico no que se desenvolveu, non se deve ver como unha espécie de bruto, senón que se hai que apreciá-lo no contexto histórico particular... Eu cheguei ao comunismo por papá Stalin e ninguen pode dicer-me que non lea a sua obra. Lin-no ainda cando era considerado mui mao facé-lo, mais ese era outro tempo. E como son unha persoa non demasiado brillante e ademais testazuda continuaré lendo-o.” (Koba M., Non hai que esquecer que o Che era un auténtico comunista, in Resumen, 1996)
________________________________________________
15.11.06 -
estoutrasnotaspoliticas.blogspot
Ler máis
Etiquetas: Partidos Comunistas/Marxismo/Historia do Socialismo
Sem comentários:
Enviar um comentário